Un longo tempo de espera, pero á fin inauguramos a nosa bitácora. Pretendemos que se converta nunha ferramenta de dinamización da Biblioteca, pero tamén nunha ventá aberta ao mundo. A inauguración da nosa bitácora coincide co remate do ano no que o Conservatorio celebrou a súa primeira década de existencia. Foi no ano 2004 cando o centro botaba a andar. Desde aquela, xeracións de composteláns –da cidade e da comarca– pasaron polas súas aulas para recibir ensinanzas de ata dezasete especialidades musicais diferentes. Ao Conservatorio existen neste curso 2014-2015, 520 alumnos e alumnas de idades comprendidas entre os 8 e os 20 anos, aproximadamente, aínda que un certo número de persoas de máis idade –ata os 40 anos– están realizando tamén os estudos correspondentes ás súas respectivas especialidades no centro. Da importancia do Conservatorio como referencia nas ensinanzas musicais dá idea o feito de que, ano tras ano, moitas persoas quedan ás portas do ingreso pola inexistencia de prazas suficientes. Titulados/as no Conservatorio de Santiago están hoxe desenvolvendo a súa faceta profesional por media Europa, onde comparten protagonismo coas elites musicais do continente. E a Biblioteca desempeña un papel fundamental nas ensinanzas que imparte o centro. Trátase dunha Biblioteca especializada en Música, claro, e de aí a súa importancia como lugar de consulta para os estudosos de dentro e de fóra do Conservatorio. Pero tamén é un lugar de traballo para as horas mortas, sobre todo se se ten en conta que a inmensa maioría dos alumnos e alumnas do CMUS reciben ensinanzas xeralistas noutros centros, e este é un aspecto que a Biblioteca tamén quere coidar, porque os músicos e as músicas do que menos dispoñen é de tempo. Comezamos neste 22 de decembro a andaina. Oxalá sexa frutífera en verdade, pero só poderá selo coa colaboración de todos e de todas. Adiante! |
0 Comments
|
CMUS SantiagoGrazas por contactares coa Biblioteca do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela Arquivos
Junio 2015
Categorías |